A asociación En Colectivo que denunciou a prórroga da concesión da AP-9 ata o 2048 continúa coa recollida de sinaturas para conseguir que se anule. O seu presidente, Diego Maraña, que estivo no espazo Bos días da Televisión de Galicia, confía en que o Goberno acate o ditame da comisión europea e que nun prazo de seis meses se poida usar de balde esta autoestrada pola que circulan cada día 25.000 condutores.
A campaña de recollida de sinaturas, a través da páxina web da asociación, estará activa ata o 23 de novembro. Ese día finaliza o prazo que lle deu a comisión europea ao Goberno español para que responda a carta que declara ilegal a ampliación da concesión a Audasa da AP-9 sen licitala.
«Politicamente 500.000 ou 200.000 sinaturas son moitos votos, que sexa consciente o Goberno de España de que os galegos somos coma os cataláns. Que pasa aquí en España, o diñeiro vai só aos cataláns? Por que os cataláns teñen autoestradas de balde, por que a autoestrada Burgos-Vitoria é de balde despois de vencer a concesión?», pregúntase o presidente da organización.
En principio, o Ministerio de Transportes fala de mala decisión política, pero asegura que foi legal e máis tendo en conta que daquela a concesionaria era unha empresa pública.
«Non cabe ningunha xustificación política, non cabe ningún quebranto económico. A ver se o Goberno de España se atreve a que os galegos paguemos de aquí ao ano 2048 unha media de 150 millóns de euros anuais, falamos de unidades familiares, que gastan o 20 por cento dos seus ingresos no pagamento dunha autoestrada que está vencida desde o 2013. É incrible», engade.
Sentenza de derrogación
Na asociación aseguran que se o Goberno acata o ditame da comisión, en seis meses a AP-9 quedaría libre de peaxe. En caso contrario, este asunto podería chegar ao tribunal europeo.
«O que pretendemos é ter unha sentenza de derrogación da ampliación de 2023-2048, para que esa sentenza sirva de precedente para comezar a reclamación xurídica das peaxes cobradas desde o 2013 ata o día que finalice a autoestrada. É o que os nosos avogados están estudando, conclúe Maraña.
Deja un comentario